sábado, 4 de marzo de 2017

#RosalíaTe

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega promove desde 2010 a conmemoración  o 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, do Día de Rosalía de Castro.
Rosalía de Castro foi unha escritora nada en Santiago de Compostela no ano 1837 e falecida na Coruña en 1885. Dedicouse á creación de prosa e poesía, tanto en idioma castelán como en galego e recoñécella como unha das figuras máis importantes das letras da súa época. As súas achegas á cultura da súa terra resultan indispensables, especialmente no que a Galicia refírese, dado que a situación social daquel momento non facilitaba o camiño de quen fixese literatura usando a lingua galega, que era desprezada e considerada tan só un dialecto.
Sen dúbida, foi cos seus "Cantares Gallegos" que enalteceu o nome da súa patria e contribuíu ao seu renacemento cultural, concedéndolle un lugar importante ante unha nación que xa a daba por extinta. 
Entre outras, deixou dúas obras máis que demostran a grandeza da súa arte: "Follas Novas" e "Nas beiras do Sar". 
Con respecto á súa prosa, destacan os seus títulos "A filla do mar", "O cabaleiro das botas azuis" e "Padrón e as inundacións". 




Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) no Día de Rosalía de Castro 2017 
En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía posúe as cores reveladoras da primeira luz.
Imaxino a Rosalía no século XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.
Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.
En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
Amancio Prada canta "Adios ríos, adios fontes" 



Poema de Rosalía de Castro versionado por Luz Casal e X.M. Budiño - "Negra Sombra"  (Follas Novas, 1880)


Ningún comentario:

Publicar un comentario